Sondarúa enterrou a semente no seu derradeiro concerto
O venres pasado, 14 de abril, tivemos un encontro de sensacións. Asistimos a despedida dun grupo referente no panorama do rap galego, asistiamos ao derradeiro bolo de SonDaRúa.
O grupo deixaba así a súa traxectoria, que os coroaba como un dos principais representantes do xénero na nosa lingua, con un discazo as súas costas e moitas horas de música. Hugo GZ, Alex Arnoso e That Bass, pechaban un proxecto que deu voz a boa parte da xuventude galega na mítica sala Capitol de Compos, a golpe de sold out e con moitos invitados.
Contámosvos un pouco como foi a que, pra nós, foi unha das mellores noites do rap galego pese o sabor amargo que déixanos o seu motivo.
Un ambiente vibrante e unha lista inesgotable de invitados
A entrada da Capitol voltouse un hervideiro de xente xa moito antes da hora de comezo do prato forte. Previamente aos protagonistas da noite, desfilaron polo esceario a modo de teloneiros artistas emerxentes, que gañan pulo no panorama como O Pirata e o colectivo GHZ, caldeando a un público que viña con moitas ganas de esmorga.
A Capitol, chea ata os topes, acompañaba por unha noite o ton avermellado co branco e azul das estreleiras que bailaban entre os asistentes. Todos ben servidos de licorka e 1906, a espera dun momento que levaban meses esperando, dende o anuncio a través das redes da separación do grupo de Ponteareas.
A aparición de That Bass no alto do escenario provocou un estalido de berros e aturuxos, seguido rapidamente dun silencio expectante cando o dj da agrupación prendeulle vida aos pratos. Non podemos senón eloxiar o seu traballo, tanto no arranque coma nas dúas rutinas que realizou ao longo do concerto, abraiandonos cun despregue de habilidades que non ten que envexar a ningún dj do panorama.
E xusto cando a expectación da xente estaba no seu culmen, soou a intro de Eterno Combate, e todo voltouse unha tolería.
A semente de Sondarúa
Os de Pontakas saltaban ao escenario arrincando duro cun temazo como é Estilo Combativo. Dende este punto, xa non houbo maneira de parar.
No primeiro treito do concerto soaron algunhas das súas pezas máis enérxicas, como a de Animal, que prenderon rapidamente os pogos na parte dianteira da sala. Aparecía tamén neste primeiro terzo Navia Rivas, para acompañar a Hugo e Alex nun tema como é Éxodo, que non pódese escoitar sen ter o corazón nun puño.
O segundo terzo do concerto trouxo ao escenario a Ezetaerre na súa colaboración Berro Colectivo, alegrando aos asistentes xa que o famoso grupo leva inactivo no seu conxunto dende antes da pandemia. Un agasallo pra o público que foi debidamente respondido.
O ultimo terzo do concerto foi o que xa fixo saltar bágoas. Arrincando co acostumado pase de guitarra a cargo de Alex, levandonos a Cantar de Gaia, tema que non se pode escoitar en Galiza sen sentir unha fervenza interior, repuntou en Salsa Galaica e En Galego non mola, facendo unha breve pausa antes da catarse. A entrada das pandereteiras da A.C. Sadeo de Ponteareas, tocando unha peza de música tradicional, marcou o inicio do final, e con el, a chuvia de emocións.
Subiuse con elas Jásper, cantante do coñecido grupo Nao, tamén disolto agora, para cantar a que é unha peza emblemática: Cultura crítica. Os saltos ao público, os pogos, e a romería resultante foron un barómetro adecuado das emocións que respirábanse na sala.
Pechábase o concerto co último tema editado polo grupo, En Pé e Pontakas Antifa, coa sensación de que tremendo directo, fora en realidade moi curto.
Emocións na pel
Tras o peche, soou o himno, acompañando as verbas de Pondal a unha noite na que as letras, aínda que máis modernas, conectaban e representaban a súa mensaxe liña a liña. Asistimos a aparición no escenario de Balbina, pandereteira de Ponteareas e avoa de Hugo GZ, erguendo o puño con orgullo para pechar a traxectoria de este grupazo, que representounos a todos.
O resto da noite é historia. Historia e festa, mesturadas cunha sensación de baleiro que deixanos a marcha de SonDaRúa.
Esperamos moitos proxectos en solitario deles, todos tan potentes como o deste grupo, no que boa parte da mocidade atopou un espello dos seus pensamentos, e unha voz que berraba ben alto. Nós, agradecemos telos visto en directo, ter podido falar con eles, e en xeral, ter podido desfrutar da súa música.
Enterrámola semente, pero a loita segue en pé.
¡Que viva SonDaRúa!